Unha cooperativa é unha asociación voluntaria de traballo cooperativo, por medio da cal un grupo de persoas pode obter, producir, comprar ou vender produtos e bens de consumo en condicións máis vantaxosas que pola comercialización común, liberándose da carga que supoñen os beneficios dos capitalistas e intermediarios, repartindo as ganancias que poida haber entre os seus socios.[1] Contan cunha estrutura e xestión democráticas, en réxime de libre adhesión e baixa voluntaria, distribuíndose os resultados económicos en función da actividade cooperativizada realizada.[2]
Logo de varios precursores das idades moderna e contemporánea, as cooperativas actuais comezaron a tomar forma a mediados do século XIX, en resposta ás difíciles condicións laborais e económicas da Revolución Industrial.[3] En 1844 un grupo de traballadores do sector téxtil fundou en Rochdale (Inglaterra) a primeira cooperativa moderna, que vendía produtos a prezos xustos de mercado e repartía os beneficios entre os socios. Este modelo de cooperación estendeuse rapidamente a outros países e sectores. As cooperativas destacaron pola súa capacidade de promover a solidariedade, a axuda mutua e a igualdadeeconómica. As cooperativas continúan xogando un papel moi importante no desenvolvemento social e económico, ofrecendo alternativas ao capitalismo tradicional e promovendo a participación democrática e a equidade.[3]
No comezo do século XXI hai en Galiza máis de mil cooperativas, sendo Vigo e a súa bisbarra a área onde se atopan máis. Entre os diferentes tipos de cooperativas destacan polo seu número as de traballo asociado e as agrarias.[5] A maior asociación galega multisectorial de cooperativas é espazocoop, formada en 2017 da fusión de outras entidades.[6]
As Nacións Unidas declararon o ano 2012 como o Ano Internacional das Cooperativas.[7] O primeiro sábado de xullo celébrase o Día Internacional do Cooperativismo.[8][9] En 2016 a "idea e a práctica de mancomunar intereses colectivos en cooperativas" foi recoñecida e inscrita na Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da UNESCO.[10]
Axuda mutua: é a acción dun grupo para a solución de problemas comúns.
Esforzo propio: é a motivación, a forza de vontade dos membros co fin de acadar as metas previstas.
Responsabilidade: nivel de desempeño no cumprimento das actividades para a consecución de metas, sentindo un compromiso moral cos asociados.
Democracia: toma de decisións colectivas polos asociados (coa participación e o protagonismo) no que se refire á xestión da cooperativa.
Igualdade: todos os asociados teñen iguais deberes e dereitos.
Equidade: xusta distribución dos excedentes entre os membros da cooperativa.
Solidariedade: apoiar, cooperar na solución dos problemas dos asociados, a familia e a comunidade. Tamén promove os valores éticos da honestidade, transparencia, responsabilidade social e compromiso cos demais.
Aínda que poden facerse distintas clasificacións das cooperativas, normalmente faise con relación ó obxecto que desempeñan. As máis salientables son as seguintes: