Saltar ao contido

Sunnismo

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sunnismo
 Nome orixinal
   Image أهل السنة والجماعة (ar) Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
 Subclase de
Características
 Lingua oficial
Datas
 Fundación / creación
século VII Editar o valor en Wikidata
Localización
 Mapas
Mapa de distribución
Fontes e ligazóns
Freebase/m/078tg e /m/047nvm3 Editar o valor en Wikidata
Enciclopedia Galega Universal: 189211
Wikidata C:Commons

O sunnismo[1] ou islam sunnita (سنّة) é a maior rama do islam, á cal pertence máis do 85% do total dos musulmáns.[2] Os seguidores do sunnismo son os sunnitas.[3]

A maioría dos sunnitas acredita que o nome deriva da palabra Sunna que é a forma de conduta do profeta Mahoma.[4] Algúns afirman porén que Sunnita deriva dunha palabra que significa "un camiño moderado" referíndose á idea de que o Sunnismo toma unha posición máis neutral do que aquela que foi apercibida como máis extrema dos xiítas e dos caridxitas.

As diferenzas entre musulmáns sunnitas e xiítas xurdiron a partir dun desacordo sobre a sucesión de Mahoma e posteriormente adquiriron un significado político máis amplo, así como dimensións teolóxicas e xurídicas.[5] Segundo as tradicións sunnitas, Mahoma designou a Abu Bakr como o seu sucesor (o primeiro califa).[6][5] Isto contrasta coa visión xiíta, que sostén que Mahoma anunciou como sucesor o seu xenro e curmán Ali ibn Abi Talib.[7] As tensións políticas entre sunnitas e xiítas continuaron con intensidade variable ao longo da historia islámica e agraváronse nos últimos tempos polos conflitos étnicos e o ascenso do salafismo e do wahabismo.[5][8]

Os seguidores do islam sunnita chámanse en árabe ahl as-sunnah wa l-jamāʻah ("a xente da Sunnah e da comunidade") ou de forma curta ahl as-Sunnah. Ás veces o islam sunnita chámase "Islam ortodoxo",[9][10][11] aínda que algúns eruditos ven esta tradución como inadecuada.[12]

O Corán, xunto co hadith (especialmente os recollidos por Kutub al-Sittah) e o consenso xurídico vinculante, constitúen a base de toda a xurisprudencia tradicional dentro do sunnismo. As decisións da xaria derivan destas fontes básicas, xunto co razoamento analóxico, a consideración do benestar público e a discrecionalidade xurística, utilizando os principios de xurisprudencia desenvolvidos polas escolas xurídicas tradicionais. En materia de credo, a tradición sunnita defende os seis piares do imān (fe) e comprende as escolas Ash'ari e Maturidi de Kalam (teoloxía), así como a escola textualista coñecida como teoloxía tradicionalista.

No islam, o desacordo político manifestouse moitas veces no desacordo relixioso. O exemplo máis antigo disto foi que 30 anos despois da morte de Mahoma, a comunidade islámica mergullou nunha guerra civil que deu orixe a tres seitas. A guerra civil tivo causas próximas: os musulmáns do Iraq e do Exipto resentíanse do poder do terceiro califa e dos seus gobernadores, e había rivalidades comerciais entre faccións da aristocracia mercantil.

Despois do asasinato do Califa, a guerra estalou entre grupos diferentes, todos eles loitando polo poder. A guerra rematou coa instauración dunha nova dinastía de califas, que gobernaban desde Damasco.

Un dos grupos que xurdiron desta disputa foi o dos sunnitas. Eles téñense como os seguidores da sunna (práctica) do profeta Mahoma tal como fora relatado polos seus compañeiros (a sahaba). Os sunnitas tamén acreditan que a comunidade islámica (ummah) se manterá unida. Eles desexaban recoñecer a autoridade dos califas, que mantiñan o goberno pola lei por persuasión e pola forza, se fose necesario. Os sunnitas tornáronse a maior seita do islam.

Dous outros grupos máis pequenos xurdiron tamén deste cisma: os xiítas e os caridxitas, tamén coñecidos por "disidentes". Os xiítas acreditaban que o único liderado lexítimo era o que viña da liñaxe do curmán e xenro de Mahoma, Alí. Os xiítas acreditaban que o resto da comunidade cometera un erro grave ao elixiren a Abu Bakr e os seus dous sucesores como líderes.

Dos Omeia aos abasíes

[editar | editar a fonte]

A expansión do islam comezara baixo os califas ben guiados: nos anos 630 caeron Siria, Xordania, Palestina e o Iraq, en 645 tomouse Exipto aos bizantinos e lanzáronse incursións frecuentes contra o norte de África, Armenia e Persia.[13] Tras a morte de Alí en 661, Muʿāwiya I, da familia dos Omeias, fíxose co califato e instaurou en Damasco unha dinastía hereditaria que gobernou ata 750.[14] A maioría dos musulmáns víalos coma gobernantes mundanos que impuxeran o poder dinástico pola forza, contra o principio da consulta, e as fontes posteriores refírense con desprezo ao seu réxime coma simple "reinado" (mulk).[13] Para outorgarse lexitimidade e unha aura relixiosa, os Omeia escolleron o título de jalīfat allāh ("deputado de Deus"), que os primeiros califas evitaran.[13] Tras case vinte anos de campañas, Abd al-Malik restableceu a autoridade da capital e é lembrado pola construción da Cúpula da Rocha de Xerusalén; co seu fillo al-Walid I (705–715), os exércitos musulmáns tomaron posesión definitiva do norte de África, converteron ao islam os bérberes e ocuparon a maior parte da Península Ibérica, ademais de avanzar polo val do Indo.[13] En 747 estalou unha rebelión seria contra a dinastía e en 750 o último califa omeia, Marwan II, foi derrotado na batalla do Gran Zab polos partidarios da familia abasí.[13]

Os abasíes trasladaron o centro do califato a Bagdad, aínda que dende a súa chegada ao poder ningún gobernante voltou a controlar todos os territorios islamizados.[15] O título de califa foi reclamado tamén noutras rexións: pola rama andalusí dos Omeia, que gobernou en Córdoba (755–1031), e polos Fatimíes de Exipto (909–1171), que afirmaban descender da filla de Mahoma, Fátima, e do seu esposo Alí.[14]

Image
A Gran Mesquita de Cairuán, en Tunisia.

A consolidación do sunnismo clásico

[editar | editar a fonte]

Foi nos primeiros séculos do califato cando o sunnismo tomou a súa forma clásica. As tradicións do profeta puxéronse por escrito e no século IX compiláronse as coleccións de hadith que o sunnismo considera canónicas;[16] a finais do século XI xa existían as catro escolas de xurisprudencia,[17] e os debates teolóxicos do kalām cristalizaron en escolas coma a ash'arita, que o visir selyúcida Nizam al-Mulk axudou a instaurar coma representante dominante do pensamento ortodoxo musulmán mediante a fundación de madrasas para os seus grandes mestres, como al-Juwayni e al-Ghazali.[18] Dende o século XII, unha nova expansión masiva do islam veu da man dos místicos sufís, principais axentes da islamización da India, de Asia Central, de Turquía e da África subsahariana, e dos comerciantes musulmáns, que introduciron a relixión nas costas da India e despois en Indonesia, Malaisia e a China.[16] O califato, pola súa banda, deixou de existir coma institución política efectiva coa destrución de Bagdad polos mongois en 1258; uns califas titulares de ascendencia abasí mantivéronse no Cairo baixo os mamelucos ata 1517, cando o último deles foi capturado polo sultán otomán Selim I.[14]

A era moderna

[editar | editar a fonte]

Os sultáns do Imperio Otomán reclamaron o título de califa e empregárono ata que a República turca o aboliu o 3 de marzo de 1924.[14] Xa no século XVIII nacera en Najd, no centro de Arabia, o movemento reformista do wahabismo: o teólogo Muhammad ibn Abd al-Wahhab (1703–1792) propugnaba un retorno ás ensinanzas orixinais do Corán e da Sunna e rexeitaba coma innovacións (bidʿa) prácticas coma a veneración de santos ou a decoración das mesquitas.[19] A súa alianza co emir Muhammad ibn Saud en 1744 deulle forza política ao movemento, que era dominante en Arabia cara a 1800 e hoxe é prevalente en Arabia Saudita e Qatar.[19]

O debate sobre o papel das tradicións chega á actualidade: mentres movementos coma o Ahl-e Qurʾān defenderon no subcontinente indio que a doutrina e a práctica se deriven unicamente do Corán, correntes coma o Ahl-e Ḥadīth, o salafismo e o wahabismo sosteñen que o hadith debe guiar todos os aspectos da vida do crente.[20] Nas últimas décadas, ademais, a vella división co xiísmo adquiriu unha dimensión xeopolítica: Arabia Saudita e Irán, os dous países que rivalizan polo liderado do islam sunnita e xiíta, instrumentalizaron a división sectaria nos conflitos de Siria, o Iraq, o Líbano e Bahrain, ao tempo que rexurdiron as redes transnacionais de militancia armada.[21] Sunnitas e xiítas conviviron con todo pacificamente durante séculos, e en moitos países é habitual que compartan mesquitas e matrimonios.[21]

Seguidores

[editar | editar a fonte]

Os sunnitas cren que os compañeiros de Mahoma son transmisores fiables do islam, xa que Deus e Mahoma aceptaron a súa integridade. As fontes medievais mesmo prohiben maldicilos ou vilipendialos.[22] Esta crenza baséase nas tradicións proféticas como a narrada por Abdalá, fillo de Masud, en que Mahoma dicía: "O mellor da xente é a miña xeración, logo os que veñen detrás deles, despois os que veñen detrás deses". O apoio a esta visión tamén se atopa no Corán, segundo os sunnitas.[23] Polo tanto, as narracións dos compañeiros tamén se teñen en conta de forma fiable para o coñecemento da fe islámica. Os sunnitas tamén cren que os compañeiros eran verdadeiros crentes, xa que foron os que recibiron a tarefa de compilar o Corán.

O islam sunnita non ten unha xerarquía formal. Os líderes son informais e gañan influencia a través do estudo para converterse nun erudito da lei islámica (sharia) ou da teoloxía islámica (Kalām). Tanto o liderado relixioso como o político están en principio abertos a todos os musulmáns. Segundo o Centro Islámico de Columbia, Carolina do Sur, calquera persoa con intelixencia e vontade pode converterse nun erudito islámico. Durante os servizos da Mesquita do Mediodía os venres, a congregación elixirá unha persoa ben educada para dirixir o servizo, coñecida como Khateeb (quen fala).[24]

Un estudo realizado polo Pew Research Center en 2010 e publicado en xaneiro de 2011[25] sinalou que hai uns 1.620 millóns de musulmáns en todo o mundo e estímase que entre o 85 e o 90% son sunnitas.

Image
Países con máis do 95% de poboación musulmá.[26]      Sunnita      Xiíta      Ibadita

Fontes e principios

[editar | editar a fonte]

O Corán (literalmente, "recitación") é para os musulmáns a palabra literal de Deus, transmitida a Mahoma polo anxo Gabriel; divídese en 114 suras de lonxitude desigual e é a fonte fundamental da ensinanza islámica.[16] As suras reveladas na Meca, na primeira etapa da predicación, ocúpanse sobre todo de ensinanzas éticas e espirituais e do Día do Xuízo, mentres que as reveladas en Medina tratan principalmente de lexislación social e dos principios políticos e morais para constituír e ordenar a comunidade.[16]

Image
Manuscritos históricos do Corán.

A Sunna e o hadith

[editar | editar a fonte]

A Sunna ("camiño ben trilado"), termo co que os árabes preislámicos designaban o seu dereito consuetudinario tribal, pasou no islam a significar o exemplo do profeta Mahoma: as súas palabras e feitos, rexistrados nas compilacións de hadith.[16] O hadith constitúe así, despois do Corán, a principal fonte do dereito, do ritual e do credo islámicos.[20] Dende o século II da héxira os relatos teñen unha forma característica: a cadea de transmisores (isnād), seguida do corpo do texto (matn).[20] A proliferación de relatos fabricados por interese impulsou aos eruditos a desenvolver a ciencia do hadith, con dicionarios biográficos dos transmisores e un sistema de clasificación que distingue os relatos sanos (ṣaḥīḥ), bos (ḥasan) e febles (ḍaʿīf) e que cualifica cada cadea de transmisión como continua, remontada ao propio profeta, interrompida ou fabricada.[20] Entre as primeiras compilacións salientan o Muwaṭṭaʾ de Malik ibn Anas (m. 795), ordenado por temas xurídicos, e o Musnad de Ahmad ibn Hanbal (m. 855), con preto de 27.000 hadiths escollidos, segundo se conta, entre uns 750.000 relatos.[20] O sunnismo recoñece coma especialmente autorizadas seis coleccións compiladas no século IX, os chamados "seis libros" (Kutub al-Sittah), entre as que destacan os dous Ṣaḥīḥ, o de al-Bukhari (m. 870) e o de Muslim ibn al-Hajjaj.[16][20]

Consenso e razoamento

[editar | editar a fonte]

A doutrina, a lei e o pensamento islámicos baséanse en catro fontes ou principios fundamentais (uṣūl): o Corán, a Sunna, o consenso (ijmāʿ) e o esforzo interpretativo (ijtihād).[16] A doutrina do ijmāʿ introduciuse no século VIII para unificar a teoría e a práctica xurídicas e superar as diferenzas de opinión entre eruditos e rexións; dende o século IX funcionou coma principio de estabilidade, de xeito que as cuestións sobre as que se alcanzara consenso se deron por pechadas, e as interpretacións aceptadas do Corán e da Sunna repousan en última instancia sobre el.[16] Esta institución permitiu aos sunnitas incorporar costumes e usos xurdidos do desenvolvemento histórico ordinario sen raíces no Corán.[27] No século VIII, o razoamento por analoxía estrita (qiyās), baseado nos textos do Corán e do hadith, substituíu a opinión individual (raʾy) coma procedemento formal do ijtihād.[16] Coa transformación do consenso nun mecanismo conservador, a "porta do ijtihād" quedou practicamente pechada no sunnismo, aínda que pensadores coma al-Ghazali reclamaron para si ese dereito e os reformistas dos séculos XVIII a XX volveron darlle unha aceptación máis ampla.[16]

Os seis piares da fe

[editar | editar a fonte]

A tradición sunnita resume a fe en seis artigos, baseados en afirmacións do Corán:[28]

  1. A crenza nun só Deus (tawhid), que non ten igual nin semellante.
  2. A crenza nos anxos (malaikah), a primeira creación de Deus, que levan as súas mensaxes aos profetas e lle informan do comportamento dos humanos.
  3. A crenza nos libros sagrados (kutub), especialmente no Corán, palabra inalterada de Deus revelada a Mahoma.
  4. A crenza nos profetas (nubuwwah), que se deben respectar mais nunca adorar.
  5. A crenza no Día do Xuízo e na outra vida (akhirah): a vida na Terra é unha proba e, tras a morte, Deus xulgará a cada persoa e a destinará ao paraíso ou ao inferno.
  6. A crenza na predestinación (al-qadar): todo o que acontece no universo segue o plan de Deus.[28]
Image
A Kaaba, na cidade da Meca.

Escolas teolóxicas

[editar | editar a fonte]

En materia de credo (ʿaqīda), o sunnismo clásico articulouse ao redor de dúas escolas de kalām e dunha corrente tradicionalista. A escola ash'arita, fundada por Abu al-Hasan al-Ash'ari, buscou un termo medio entre a adhesión estrita ás tradicións dos antepasados e o razoamento independente dos mutazilitas: defende a realidade dos atributos eternos de Deus, que non son idénticos á súa esencia nin totalmente distintos dela, sen caer no antropomorfismo; a eternidade e non creación do Corán, palabra de Deus; e a responsabilidade humana mediante a apropiación (kasb) dos propios actos, creados por Deus.[18] Coas madrasas fundadas polo visir Nizam al-Mulk, a escola estableceuse coma representante dominante do pensamento ortodoxo musulmán e deu os seus grandes pensadores, coma al-Juwayni e al-Ghazali.[18] A escola maturidita, fundada por Abu Mansur al-Maturidi (m. 944) na rexión de Transoxiana, medrou entre os xuristas hanafíes de Asia Central e mantén tamén unha posición intermedia entre mutazilitas e ash'aritas, que busca preservar á vez a liberdade humana e a omnisciencia divina sen caer no fatalismo.[29] Fronte a estas escolas especulativas, a corrente tradicionalista, especialmente recoñecible entre os seguidores de Ahmad ibn Hanbal, subliña a adhesión estrita aos textos revelados e ás tradicións dos antepasados.[18]

Image
Interior da mesquita de al-Azhar, no Cairo.

A lexitimidade do goberno

[editar | editar a fonte]

Para o sunnismo, o dominio que Mahoma estableceu en Medina foi un dominio terreal e temporal, polo que o liderado do islam non se determinaba por orde ou inspiración divina senón polas realidades políticas do mundo musulmán; historicamente, isto levou á aceptación do liderado das familias principais da Meca e mesmo de califas estraños, sempre que o seu goberno permitise o exercicio axeitado da relixión e o mantemento da orde.[27] A maioría dos xuristas sunnitas fixeron valer que o califa debía pertencer á tribo dos quraixíes, a de Mahoma, mais idearon unha teoría da elección dabondo flexible para permitir a lealdade ao califa de facto, fose cal fose a súa orixe.[27] O cargo de califa (jalīfa, "sucesor") conformouse como institución trala morte do profeta en 632, cando Abu Bakr, compañeiro de Mahoma e converso temperán, foi elixido pola maioría dos musulmáns e asumiu o título de jalīfat rasūl Allāh ("sucesor do mensaxeiro de Deus"); o seu sucesor Umar engadiu o de amīr al-muʾminīn ("príncipe dos crentes"), habitual nos gobernantes posteriores.[14] Abu Bakr e os seus tres sucesores inmediatos son coñecidos coma os "califas ben guiados" (al-julafāʾ ar-rāšidūn), cuxo goberno, baseado na consulta (shūrā), no consenso (ijmāʿ) e na lealdade prestada (bayʿa), é idealizado pola maioría dos musulmáns; os réximes dinásticos posteriores, que violaban o principio da consulta, foron considerados en xeral ilexítimos, aínda que aceptados a miúdo por pragmatismo.[14]

Xurisprudencia

[editar | editar a fonte]

No uso relixioso, a palabra xaria ("camiño") designa a lei de Deus tal como se revela no Corán, mentres que fiqh ("comprensión") é o corpo de normas elaborado polos xuristas para interpretala e aplicala, un sistema legal humano fronte á lei divina.[17] A finais do século XI consolidáranse catro escolas de xurisprudencia sunnita, cada unha nomeada polo seu principal intérprete — a escola malikí, a shafi'í, a hanafí e a hanbalí —, as catro aceptadas coma ortodoxas polo sunnismo.[17][27] Entre estes intérpretes figuran Malik ibn Anas, autor do Muwaṭṭaʾ, e Ahmad ibn Hanbal, autor do Musnad.[20] Os xuristas desenvolveron unha escala moral de cinco graos para avaliar todo acto humano: obrigatorio, recomendable, moralmente neutro, reprobable e prohibido.[17] O sistema é pluralista, mais tradicionalmente espérase dos musulmáns que sigan a un xurista ou a unha escola recoñecida no canto de escoller entre interpretacións segundo a preferencia persoal.[30]

As catro escolas de xurisprudencia sunnita e a súa distribución[17]
EscolaÁreas onde predomina
HanafíA máis estendida, presente en preto dun terzo dos países de maioría musulmá: a India, o Paquistán, Bangladesh, Afganistán, Asia Central, o Cáucaso, os Balcáns, Turquía, Exipto e parte do Iraq
MalikíA segunda en extensión: os países do golfo Pérsico, o Magreb e África occidental, o alto Exipto, Siria e o Iemen
Shafi'íIndonesia, Malaisia, Singapur, Sri Lanka, as Maldivas, Palestina, Xordania, o Líbano, o Iemen e a África oriental
HanbalíA máis conservadora, cos seus seguidores concentrados sobre todo en Arabia Saudita

O sufismo é a dimensión mística do islam: a procura do amor e do coñecemento divinos mediante a experiencia persoal e directa de Deus.[31] Xurdiu do ascetismo dos primeiros tempos do islam coma contrapeso á crecente mundanización da comunidade musulmá en expansión.[31] O camiño (tariqa) comeza co arrepentimento e prosegue guiado por un mestre espiritual (shaykh ou pir), con prácticas de ascetismo e meditación, estacións e estados espirituais, a lembranza constante de Deus (dhikr) e sesións de música e poesía (samāʿ), e culmina no coñecemento ou amor interior e na aniquilación do ego (fanā).[31] As súas estruturas de irmandades, con xerarquías de iniciación e rituais propios, articuláronse a partir do século IX, amparadas en parte en hadiths centrados no desenvolvemento do eu espiritual.[20] Os sufís tiveron un papel destacado na formación da sociedade musulmá, educando as masas e profundando nas preocupacións espirituais dos crentes, e dende o século XII foron os principais axentes da expansión do islam na India, en Asia Central, en Turquía e na África subsahariana.[31][16] Correntes reformistas posteriores, coma o wahabismo, condenaron con todo prácticas sufís coma a veneración de santos.[19]

Demografía

[editar | editar a fonte]

O sunnismo é a rama maioritaria do islam: segundo un estudo demográfico do Pew Research Center publicado en 2009, había no mundo 1.570 millóns de musulmáns, o 23% da poboación mundial, dos cales entre o 87 e o 90% eran sunnitas e entre o 10 e o 13% xiítas.[2] Máis do 60% dos musulmáns viven en Asia e ao redor do 20% en Oriente Medio e o norte de África; máis de 300 millóns, unha quinta parte do total, son minoría en países onde o islam non é a relixión maioritaria.[2] A Encyclopaedia Britannica estimaba os sunnitas nuns 900 millóns a principios do século XXI, maioritarios en todos os países agás Irán, o Iraq, Azerbaidján, Bahrain e quizais o Líbano.[27] En Irán, entre o 90 e o 95% dos musulmáns son xiítas, mentres que no Iraq o peso das dúas ramas está máis parelo, con ao redor da metade de xiítas.[32] En varios países unha parte significativa dos musulmáns nin sequera se identifica coa distinción: nunha enquisa en 39 países, o 74% dos musulmáns do Casaquistán e o 56% dos de Indonesia declaráronse simplemente "musulmáns", sen máis calificativos.[32] Persisten con todo as diferenzas de práctica e de actitude: en 2011, o 53% dos sunnitas exipcios afirmaba non considerar musulmáns aos xiítas, e o 14% dos sunnitas iraquíes pensaba o mesmo.[32]

  1. ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sunnismo.
  2. 1 2 3 "Mapping the Global Muslim Population" (en inglés). Pew Research Center. 7 de outubro de 2009. Consultado o 18 de novembro de 2026.
  3. ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sunnita.
  4. ↑ John L. Esposito, ed. (2014). "Sunni Islam". The Oxford Dictionary of Islam. Oxford: Oxford University Press. Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2010. Consultado o 08 de febreiro de 2021.
  5. 1 2 3 Tayeb El-Hibri, Maysam J. al Faruqi (2004). "Sunni Islam". En Philip Mattar. The Encyclopedia of the Modern Middle East and North Africa (Second ed.). MacMillan Reference.
  6. ↑ Fitzpatrick, Coeli; Walker, Adam Hani (2014). Muhammad in History, Thought, and Culture: An Encyclopedia of the Prophet of God [2 volumes]. ABC-CLIO. pp. 2–3. ISBN 978-1-61069-178-9.
  7. ↑ Jafri, Syed Husain Mohammad (27 August 1976). The Origins and Early Development of Shi'a Islam (Millennium (Series)) (The Millennium (Series).). Karachi, Pakistan: Oxford University Press (First Published By Longman Group Ltd and Librairie du Liban 1979). pp. 19–21. ISBN 9780195793871.
  8. ↑ Oliver, Haneef James (2002). The Wahhabi Myth: Dispelling Prevalent Fallacies and the Fictitious Link with Bin Laden (en inglés). Trafford Publishing. ISBN 978-1-55395-397-5.
  9. ↑ Thackrah, John Richard (2013). Dictionary of Terrorism (2, revised ed.). Routledge. p. 252. ISBN 978-1-135-16595-6.
  10. ↑ Nasir, Jamal J., ed. (2009). The Status of Women Under Islamic Law and Modern Islamic Legislation (revised ed.). Brill. p. 11. ISBN 9789004172739.
  11. ↑ Braswell, George W. (2000). What You Need to Know about Islam & Muslims (illustrated ed.). B&H Publishing Group. p. 62. ISBN 978-0-8054-1829-3.
  12. ↑ An Introduction to the Hadith. John Burton. Published by Edinburgh University Press. 1996. p. 201.
  13. 1 2 3 4 5 "Caliphate". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 18 de novembro de 2026.
  14. 1 2 3 4 5 6 "Caliph". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 18 de novembro de 2026.
  15. ↑ "Islam, an introduction". Smarthistory (en inglés). Consultado o 18 de novembro de 2026.
  16. 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 "Islam". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 18 de novembro de 2026.
  17. 1 2 3 4 5 "Islamic Jurisprudence & Law". ReOrienting the Veil (en inglés). Universidade de Carolina do Norte en Chapel Hill. Consultado o 18 de novembro de 2026.
  18. 1 2 3 4 "Ašʿarīya". Encyclopædia Iranica (en inglés). Consultado o 18 de novembro de 2026.
  19. 1 2 3 "Wahhabi". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 18 de novembro de 2026.
  20. 1 2 3 4 5 6 7 8 "Hadith". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 18 de novembro de 2026.
  21. 1 2 "The Sunni-Shia Divide" (en inglés). Council on Foreign Relations. 15 de xullo de 2014. Consultado o 18 de novembro de 2026.
  22. ↑ Coeli Fitzpatrick Ph.D., Adam Hani Walker Muhammad in History, Thought, and Culture: An Encyclopedia of the Prophet of God [2 volumes] ABC-CLIO, 25.04.2014 ISBN 9781610691789 p. 106–107
  23. ↑ Corán, &nAya=100 Sura 9 :100
  24. ↑ al-Muslimiin, Masjid. "Organizational Structure Of Islam". The Islamic Center of Columbia (South Carolina). Arquivado dende o orixinal o 2008-10-01. Consultado o 7 de decembro de 2013.
  25. ↑ "Region: Middle East-North Africa". The Future of the Global Muslim Population – Executive Summary. Pew Research Center. 2011-01-27. Arquivado dende o orixinal o 2013-03-09. Consultado o 3 de abril de 2013.
  26. ↑ A fonte é o CIA World Factbook, a distribución xiísmo/sunnismo provén doutras fontes. Os xiítas poden estar infrarrepresentados nalgúns países por non aparecaren nas estatísticas oficiais.
  27. 1 2 3 4 5 "Sunni". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 18 de novembro de 2026.
  28. 1 2 "Six articles of faith (Sunni Islam)". BBC Bitesize (en inglés). Consultado o 18 de novembro de 2026.
  29. ↑ "Maturidi, Al- (?–944)". Encyclopedia of Islam, en Encyclopedia.com (en inglés). Consultado o 18 de novembro de 2026.
  30. ↑ "Sharia". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 18 de novembro de 2026.
  31. 1 2 3 4 "Sufism". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 18 de novembro de 2026.
  32. 1 2 3 "The Sunni-Shia divide: Where they live, what they believe and how they view each other" (en inglés). Pew Research Center. 18 de xuño de 2014. Consultado o 18 de novembro de 2026.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Ahmed, Khaled. Sectarian war: Pakistan's Sunni-Shia violence and its links to the Middle East (Oxford University Press, 2011).
  • Charles River Editors. The History of the Sunni and Shia Split: Understanding the Divisions within Islam (2010) 44pp excerpt; brief introduction.
  • Farooqi, Mudassir, Sarwar Mehmood Azhar, e Rubeena Tashfeen. "Jihadist Organizations History and Analysis." Journal of Social, Political, and Economic Studies 43.1/2 (2018): 142-151. online
  • Gesink, Indira Falk. Islamic reform and conservatism: Al-Azhar and the evolution of modern Sunni Islam (Tauris Academic Studies, 2010)
  • Haddad, Fanar. Understanding 'Sectarianism': Sunni-Shi'a Relations in the Modern Arab World (Oxford UP, 2020).
  • Haddad, Fanar. "Anti-Sunnism and anti-Shiism: Minorities, majorities and the question of equivalence." Mediterranean Politics (2020): 1-7.
  • Halverson, Jeffry. Theology and creed in Sunni Islam: the Muslim Brotherhood, Ash'arism, and political Sunnism (Springer, 2010).
  • Hazleton, Lesley. After the prophet: the epic story of the Shia-Sunni split in Islam (Anchor, 2010).
  • Kamolnick, Paul. The Al-Qaeda Organization and the Islamic State Organization: History, Doctrine, Modus, Operandi, and US Policy to Degrade and Defeat Terrorism Conducted in the Name of Sunni Islam (Strategic Studies Institute, United States Army War College, 2017) online.
  • Khaddour, Kheder. Localism, War, and the Fragmentation of Sunni Islam in Syria (Carnegie Endowment for International Peace., 2019) online.
  • McHugo, John. A Concise History of Sunnis and Shi'is (2018) excerpt
  • Nuruzzaman, Mohammed. "Conflicts in Sunni Political Islam and Their Implications." Strategic Analysis 41.3 (2017): 285-296.
  • Nydell, Margaret K. Understanding Arabs: A guide for modern times (3rd ed. Hachette UK, 2018).
  • Patler, Nicholas (2017). From Mecca to Selma: Malcolm X, Islam, and the Journey Into the American Civil Rights Movement. The Islamic Monthly. Arquivado dende o orixinal o 30 de decembro de 2022. Consultado o 08 de febreiro de 2021. 
  • Tezcan, Baki. "The Disenchantment of Sufism, the Rationalization of Sunni Islam, and Early Modernity." Journal of the Ottoman and Turkish Studies Association 7.1 (2020): 67-69 online.
  • Wheeler, Branon. Applying the Canon in Islam: The Authorization and Maintenance of Interpretive Reasoning in Ḥanafī Scholarship, SUNY Press, 1996.