Blur
| Blur | |||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||
Blur é unha banda de rock formada no ano 1989 en Londres. A súa formación estivo composta por Damon Albarn (voz), Graham Coxon (guitarra), Alex James (baixo) e Dave Rowntree (batería). Graham Coxon abandonou a banda en 2002 antes da saída do seu último álbum polo momento, Think Tank. Despois dunha xira sen Coxon no 2003, a banda non volveu gravar nin realizou máis directos, adicándose os seus membros a distintos proxectos por separado.
No ano 2009 Blur volvería a reunirse, con Coxon tamén na formación, realizando unha serie de exitosos concertos. Nos anos seguintes publicaron varios sinxelos e recompilatorios, e xiraron internacionalmente. En 2012 o grupo recibiu un premio Brit pola súa destacada contribución á música. O día 27 de abril de 2015 Blur publicou o seu primeiro álbum en 12 anos, The Magic Whip.
Historia
[editar | editar a fonte]Blur naceu a finais dos anos 80 baixo o nome de Seymour cunha sonoridade non moi distante a das bandas que dominaban a escena británica da época. Era unha mestura do rock psicódelico e danzante de The Stone Roses e afíns coas guitarras e a introspección de bandas como My Bloody Valentine, que facía o estilo "shoegazer" (unha postura tímida no escenario que se caracteriza pola case inercia dos integrantes, que moitas veces mal encaraban o público e mantiñan o ollar para abaixo, de aí "shoegazer"). Pero co devir da súa carreira Blur desenvolveu o seu propio estilo, rescatando elementos da música británica, e liderou unha verdadeira renovación no rock inglés, o chamado britpop, reafirmándose como unha das máis importantes bandas da década.
Formado por Damon Albarn, Graham Coxon, Alex James e Dave Rowntree, a traxectoria do grupo comezou co nome Seymour en 1989. Despois dalgúns concertos e da primeira demo, a banda asinou coa discográfica Food Records, unha subsidiaria da EMI. A única esixencia da discográfica foi o cambio do nome da banda, eles ofreceron unha lista de onde foi escollido o nome Blur'. Xa como Blur, a banda parte para unha pequena xira por Inglaterra, rematando en xullo de 1990 en Londres. Cando esta rematou, Blur entrou no estudio para gravar algunhas cancións, de onde saíron tres para o sinxelo She's So High, lanzado en outubro.

She's So High tivo un éxito relativo nas listas, chegando ao número 48 en Inglaterra, facendo que a banda entrase novamente en xira. A segunda sesión de gravacións faise en decembro. As gravacións foron bastante problemáticas nun principio, as dúas cancións escollidas para seren o segundo sinxelo, "Close" e "Bad Day" non funcionaban. A salvación chegou co nome de Stephen Street, produtor bastante coñecido polo seu traballo con The Smiths, e máis tarde, por traballar co propio Blur e con The Cranberries. Stephen vira o vídeo de "She's So High" na televisión e amosou interese por traballar con Blur. Con Stephen Street son gravadas dúas cancións máis, "Come Together" e "There's no Other Way", que acabou sendo o segundo sinxelo, lanzado en abril de 1991.
Desta vez, a crítica rendeuse a Blur, a canción gaña as radios, a banda preséntase no famoso programa Top of the Pops da BBC por primeira vez, e "There's no Other Way" acaba chegando ao número 8 nas listas. En xullo comezan as gravacións do primeiro álbum, tamén con Stephen Street. O disco foi intitulado Leisure e contaba coas cancións dos dous primeiros sinxelos.
Leisure
[editar | editar a fonte]O álbum foi lanzado en agosto en Inglaterra, e unhas semanas máis tarde nos Estados Unidos pola discográfica SBK. Debido ao éxito de "There's No Other Way", o disco chegou á sétima posición da lista inglesa, pero a reacción da crítica xa non foi a mesma. Leisure foi moi comparado ás outras bandas da época, como Soup Dragons, Jesus Jones e Inspiral Carpets, mentres algúns críticos afirmaban que o son da banda era "fabricado".
Entre os integrantes da banda, o descontento coa sonoridade de Leisure foi aínda maior e Blur pasaría a concentrarse na reinvención da súa música. En setembro eles xa estaban no estudio e durante un concerto en outubro presentaron por primeira vez a innovadora "Popscene", claramente un paso adiante do material gravado en Leisure.
Pero pouco a pouco, o interese dos volubles medios británicos xa non estaba con Blur. A principios de 1992 só se falaba de Suede en Inglaterra. O son de Suede, inspirado no glam rock de David Bowie na década dos 70, impresionou a todos, mentres Blur aínda era asociado ao rock psicodélico post-Stone Roses, un movemento que morría pouco a pouco.
En marzo é lanzado o sinxelo de "Popscene". Hoxe en día é considerado un clásico, e segundo moitos foi o inicio de britpop, aínda que no seu momento non se lle prestou moita atención. Pero o prestixio estaba decaendo debido a algúns malos concertos, con algúns dos seus membros completamente embriagados no escenario. O sinxelo non pasou do número 32 nas listas.
Para empeorar as cousas en xuño a banda partiu para unha humillante xira de 44 concertos nos Estados Unidos. Na época Nirvana estaba en auxe cun son moi distinto ao de Blur, que foi ignorado en varios deses concertos. De volta a Inglaterra en agosto, a Food Records ameazou con despedir a banda, que despois dun tempo parada, retornou en outubro para iniciar as gravacións do seu segundo álbum. Inicialmente a banda traballou co produtor Andy Patridge (ex-integrante da banda XTC), pero o resultado foi desastroso. De casualidade, o guitarrista Graham Coxon atopouse con Stephen Street durante un concerto de The Cranberries. Stephen amosou interese en traballar de novo con Blur e en novembro as gravacións recomezaron. No mes seguinte, a banda presentou o novo disco á discográfica que rexeitou o material alegando que non había ningún hit.

En Nadal, Damon Albarn compuxo "For Tomorrow" e a Food estaba lista para lanzar o álbum. Porén a SBK, discográfica da banda nos Estados Unidos, insistía en que non había ningún hit potencial para o mercado estadounidense. Entón Blur volveu ao estudio e gravou "Chemical World". O disco estaba listo para ser lanzado en abril cando a SBK lle pediu a banda que regravase todo o disco co produtor Butch Vig (Nirvana, The Smashing Pumpkins, Sonic Youth). Desta vez a banda negouse e Modern Life is Rubbish foi lanzado en Inglaterra en maio.
Modern Life is Rubbish
[editar | editar a fonte]"For Tomorrow", o primeiro sinxelo do novo disco, chegou ao número 28 e o álbum non pasou do número 15, a pesar de que as críticas foron razoablemente positivas. Blur presentaba un son completamente renovado e distante de calquera comparación con outras bandas da época. O novo Blur relembraba influencias de bandas dos anos 60, principalmente The Kinks, volvendo ao rescate de elementos esencialmente ingleses. Como compositor, Damon Albarn distanciábase completamente do "shoegazing" dos primeiros tempos, con letras e temáticas máis directas con varias referencias e comentarios sobre a sociedade británica.
O segundo sinxelo, "Chemical World" chegou ao número 15. A banda volveu ás xiras e fixo unha presentación durante o Reading Festival. O interese por Blur volvía a medrar e en agosto, apenas tres meses despois do lanzamento de Modern Life Is Rubbish, a banda comezou a compoñer cancións para o seu terceiro disco.
En outubro foi lanzado o último sinxelo de Modern Life is Rubbish, "Sunday Sunday", e en decembro a banda entrou no estudio novamente. No mes seguinte, o novo disco xa estaba listo.
Parklife
[editar | editar a fonte]En febreiro foi lanzado o sinxelo de "Girls & Boys", como unha previa do novo álbum Parklife. O sinxelo tivo un enorme éxito e abriu o camiño para o lanzamento do álbum en abril, o primeiro de Blur en chegar ao número 1 en Inglaterra. Parklife estivo máis dun ano entre os 20 máis vendidos no Reino Unido e tivo tres hits máis, "To The End", "Parklife" (que contaba coa participación de Phil Daniels, o actor da ópera-rock de The Who Quadrophenia) e "End of a Century".
A finais de ano, Parklife era escollido como o mellor disco do ano por varias revistas. En xaneiro de 1995 a banda recibe os premios de mellor banda, mellor disco, mellor sinxelo e mellor vídeo no Brit Awards (o equivalente inglés aos Grammy). Blur definitivamente era a banda número un de Inglaterra, e os seus integrantes, principalmente Damon, convertéronse en celebridades.
O éxito de Blur abriu o camiño para unha serie de bandas como Pulp, Supergrass, Elastica e principalmente de Oasis. Oasis tivo un excelente ano en 1994 cando lanzou o seu disco de estrea Definitely Maybe e se converteu nunha das bandas máis prometedoras de Inglaterra; o suficiente para que os medios lanzasen unha verdadeira guerra entre Blur e Oasis.
Blur pasou a metade de 1995 traballando no seu novo disco, The Great Escape, e facendo algúns concertos esporádicos. En agosto lánzase o primeiro sinxelo de The Great Escape, da canción "Country House". Por iniciativa da discográfica, o lanzamento de "Country House" foi atrasado nunha semana para coincidir co lanzamento de "Roll With It", o novo sinxelo de Oasis. Blur saíu vencedor da batalla, "Country House" ficou no primeiro lugar nas listas. A Flood e a EMI fixeron unha festa para conmemoraren o feito, pero a "guerra" con Oasis non agradaba á banda, principalmente a Graham Coxon, o que levou a algúns desentendementos internos en Blur.
The Great Escape
[editar | editar a fonte]De feito, cando The Great Escape foi lanzado, a crítica recibiu o disco con moitos eloxios e as vendas foron excelentes. O disco tiña a sonoridade de Parklife levada ás últimas consecuencias, cunha boa produción e a mesma temática, centrada en personaxes irónicas como "Ernold Same", "Dan Abnormal" e "Charmless Man", das cancións do mesmo nome. O disco tamén tiña grandes hits, como "Country House", "The Universal" e a propia "Charmless Man" e ata entón foi o disco con máis éxito de Blur nos Estados Unidos, vendendo preto das 120.000 copias.
No entanto, a estratexia da rivalidade con Oasis foi prexudicial para Blur. Oasis lanzou o seu segundo disco, (What's the Story) Morning Glory? que tivo un maior éxito que The Great Escape. E cando Oasis conquistou os Estados Unidos, vendendo preto de 5 millóns de copias, as comparacións foron inevitables. A partir de aí, o son de Blur pasou a ser tratado como superado, e ninguén vía moito futuro para a banda. A postura da crítica con relación a The Great Escape mudou radicalmente, ata o punto de ser considerado un fracaso (malia ter boas vendas), argumentando que no disco a banda parecía unha parodia de si mesma na preocupación de repetir o fenómeno de Parklife.
En xuño de 1996 eles tocan o último concerto daquel ano en Dublín, Irlanda, onde tocan por vez primeira as cancións "Song 2" e "Chinese Bombs". Eses temas eran un sinal de que Blur se estaba reinventando novamente. As cancións foron compostas despois dun encontro entre Damon e Stephen Malkmus de Pavement. Após o concerto a banda foi a Islandia, onde iniciaron as gravacións do seu quinto disco. Durante o tempo que estiveron en Islandia, a relación entre os integrantes da banda mellorou sensiblemente. En decembro de 1996, Blur volveu a Inglaterra, onde gravou o último tema do novo disco, que foi lanzado en febreiro de 1997.
Blur
[editar | editar a fonte]Tanto o álbum, titulado Blur, como o primeiro sinxelo, "Beetlebum", entraron nas listas como número 1 en febreiro de 1997. En xeral as críticas ao novo son do grupo estiveron divididas, como algúns críticos considerando que Blur perdera o rumbo mentres que outros publicaban que a banda reconquistaba a súa posición como unha das máis innovadoras e orixinais de Inglaterra. Pero o público aínda amosaba unha certa resistencia á mudanza no estilo.
En marzo lanzouse Blur nos Estados Unidos, onde a banda contaba cunha nova discográfica, a Virgin, que se comprometeu máis na promoción da banda que a SBK. "Song 2" foi escollida pola Virgin e pola banda como o primeiro sinxelo no país e foi todo un acerto, facendo da canción un hit e finalmente facendo a Blur coñecido nos Estados Unidos. Despois dunha xira exitosa, a banda parte para outros países como o Xapón e Australia.
No intervalo entre a fin da xira e o reinicio dos traballos do seguinte disco os integrantes de Blur traballaron en proxectos propios. Damon Albarn fixo algúns temas para películas e Graham Coxon lanzou un álbum en solitario, The Sky's Too High.

13
[editar | editar a fonte]En 1998 a banda entrou no estudio co produtor William Orbit para gravar o seu novo álbum, 13, que foi número 1 nas listas do Reino Unido. O disco, lanzado en 1999, seguia a mesma liña que o traballo anterior, incorporando algúns elementos de música electrónica, aínda que desta vez máis experimental (a pesar de que o primeiro sinxelo, "Tender", fose o máis pop de Blur nos últimos anos), reafirmando a Blur como unha das máis influentes bandas da actualidade.
Despois de dous sinxelos máis, "Coffee & TV" e "No Distance Left to Run", a banda celebrou os seus 10 anos de carreira cun concerto estadio de Wembley. Rematada a promoción de 13, o grupo tomouse un tempo de descanso e os seus integrantes volveron aos seus proxectos paralelos. Lanzouse o segundo disco de Graham Coxon, The Golden D, e Damon entrou na banda Gorillaz, que acabou tendo un enorme éxito.
No ano 2000 foi lanzado Blur: The Best of, como parte das celebracións dos 10 anos da banda, contendo un tema inédito, "Music is my Radar". En 2001 saíu un novo disco en solitario de Coxon, chamado Crow Sit on Blood Tree.
Think Tank
[editar | editar a fonte]A gravación do seguinte álbum de Blur comezou en Londres en novembro de 2001, pero o traballo concertado comezou en xuño de 2002, e as sesións trasladáronse a Marrakech, Marrocos, pouco despois, e logo a Devon, de volta no Reino Unido. Pouco despois de que comezasen as sesións, Coxon deixou o grupo.[1] Graham desenvolvera un problema coa bebida unha vez que Blur se volveu máis popular,[2] estando máis involucrado no lado empresarial da música do que lle gustaría, o que acabou provocándolle enormes problemas de ansiedade e depresión.[3] Isto causolle problemas de relación e con amizades.[4] Coxon dixo que "non houbo discusións" e que "[a banda] simplemente recoñeceu a sensación de que necesitabamos un tempo separados".[5] Antes do lanzamento do álbum, Blur publicou un novo sinxelo, "Don't Bomb When You Are the Bomb", como un lanzamento moi limitado con etiqueta en branco. A canción é en gran parte electrónica e formou parte da protesta da banda contra a guerra no Oriente Medio. Porén, Albarn intentou calmar os medos dos fans de que o álbum sería electrónico, asegurándolles que o novo álbum da banda sería "un disco de rock", dicindo tamén que tiña "moitas cancións pop finamente elaboradas".[6] A principios de 2002 Blur gravou unha canción que sería tocada polo módulo de aterraxe Beagle 2 da Axencia Espacial Europea unha vez que aterrase;[7] con todo, os intentos de localizar a sonda despois de que aterrase en Marte foron infrutuosos.[8]
O novo disco, Think Tank, foi lanzado en maio de 2003.[9] O disco estaba cheo de sons electrónicos atmosféricos e melancólicos, con liñas de guitarra máis sinxelas interpretadas por Albarn e baseándose en gran medida noutros instrumentos para substituír a Coxon. A ausencia do guitarrista tamén significou que Think Tank fose case na súa totalidade escrito por Albarn. O seu son considerouse un testemuño do interese crecente de Albarn pola música africana e de Oriente Medio, e do seu control total sobre a dirección creativa do grupo.[10] O álbum acadou o número 1 no Reino Unido[11] e conseguiu o posto máis alto de Blur nos Estados Unidos, chegando ao posto 56.[12] Think Tank foi tamén nomeado ao mellor álbum nos BRIT Awards do ano 2004.[13] A banda fixo unha exitosa xira en 2003, co ex guitarrista de The Verve Simon Tong substituíndo a Coxon.[14]
En 2005 XFM News informou de que Blur gravaría un EP e negou que contratarían un guitarrista substituto para Coxon.[15] Tamén houbo algunhas gravacións abortadas en 2005. En xeral, a banda mantivo un perfil baixo e non fixo traballo de estudio nin de xira como trío. Despois de que Coxon se relaxase significativamente sobre o tema de reincorporarse a Blur,[16] en 2007 os membros da banda anunciaron que se reunirían e que tiñan a intención de gravar xuntos primeiro en agosto, para que a data fose posteriormente atrasada a setembro e logo a outubro.[17][18] Aínda que os membros da banda finalmente se reuniron en outubro, publicaron no seu sitio web que só "se reuniran para un xantar agradable" e que non había "outros plans musicais para Blur".[19]
Actuacións de reunión
[editar | editar a fonte]
En decembro de 2008 Blur anunciou que se reunirían para un concerto no Hyde Park de Londres o 3 de xullo de 2009.[20] Días despois, tras esgotarse as entradas dese concerto, a banda engadiu unha segunda data para o 2 de xullo.[21] Tamén se anunciou unha serie de concertos de presentación en xuño, que rematarían no estadio Manchester Evening News o día 26. Todos os concertos tiveron unha boa acollida; o crítico musical de The Guardian, Alexis Petridis, deulle á súa actuación no Goldsmiths College cinco estrelas e escribiu: "A música de Blur parece terse potenciado co paso dos anos... soan máis frenéticos e punk e máis matizados e exploratorios que no auxe da súa fama".[22] Blur foi cabeza de cartel no Festival de Glastonbury o 28 de xuño, onde tocaron por primeira vez como cabezas de cartel dende 1998. As críticas da actuación de Glastonbury foron entusiastas; The Guardian cualificounos de "os mellores cabezas de cartel de Glastonbury dunha época".[23] A banda lanzou o seu segundo álbum de grandes éxitos, Midlife: A Beginner's Guide to Blur, o 15 de xuño de 2009.[24][25]
Blur tamén foi cabeza de cartel noutros festivais de verán, como o Oxegen 2009 en Irlanda,[26][27] e o concerto escocés ao aire libre de T in the Park.[28][29] Esta última actuación perigou despois de que Graham Coxon tivese que ir ao hospital cunha intoxicación alimentaria.[28] Finalmente, a banda tocou, aínda que unha hora e media despois da hora prevista.[28] Despois de completar as datas da reunión, James dixo que o grupo non discutira máis plans, e Albarn díxolle a Q pouco despois que Blur non tiña intención de gravar nin xirar de novo. Dixo: "Simplemente non podo máis", e explicou que a principal motivación para participar na reunión era reparar a súa relación con Coxon, o que conseguiu.[30] Coxon tamén dixo que non se planeaba ningunha outra actividade de Blur, dicíndolle a NME en setembro: "Estamos en contacto e dicimos 'Wotcha' e todo iso, pero non se mencionou nada sobre máis concertos nin nada máis".[31]
No mes de xaneiro do 2010 apareceu nos cines No Distance Left to Run, un documental sobre a banda, que un mes máis tarde foi editado en DVD.[32] O mesmo mes, o seu álbum Parklife de 1994 foi unha das dez portadas de álbums clásicos de artistas británicos conmemoradas nun selo postal do Reino Unido emitido polo Royal Mail; a colección foi presentada polo guitarrista de Led Zeppelin Jimmy Page.[33][34] En abril de 2010, Blur lanzou a súa primeira nova gravación desde 2003, "Fool's Day", para o Record Store Day, como disco de vinilo limitado a 1 000 copias; máis tarde estivo dispoñible como descarga gratuíta no seu sitio web.[35][36] No Distance Left to Run foi nomeado como Mellor vídeo musical de longa duración para a 53ª edición dos premios Grammy, o primeiro nomeamento de Blur aos Grammy.[37]
En febreiro de 2012 Blur recibiu o premio á Contribución Destacada á Música nos Brit Awards.[38] Máis tarde ese mesmo mes, Albarn e Coxon estrearon xuntos en directo unha nova canción, "Under the Westway".[39] En abril, a banda anunciou que en xullo se lanzaría unha caixa recopilatoria titulada Blur 21, que contiña os sete álbums de estudio de Blur, catro discos de rarezas inéditas e tres DVDs.[40] Blur tamén entrara no estudio a principios dese ano para gravar material para un novo álbum, pero en maio o produtor William Orbit díxolle á NME que Albarn detivera a gravación.[41] As páxinas oficiais de Twitter e Facebook de Blur anunciaron que a banda lanzaría dous sinxelos, "The Puritan" e "Under the Westway", o 2 de xullo.[42] Ese agosto, Blur foi cabeza de cartel dun concerto en Hyde Park para a cerimonia de clausura dos Xogos Olímpicos de Verán de 2012.[43] En 2013 a banda actuou no Rock Werchter en Bélxica, nas datas españolas e portuguesas do festival Primavera Sound,[44] e no Coachella Valley Music and Arts Festival nos Estados Unidos.[45]
The Magic Whip e segundo hiato
[editar | editar a fonte]En abril de 2015 Blur lanzou o seu primeiro álbum de estudio en doce anos, The Magic Whip.[46][47] Concibido durante cinco días en Hong Kong despois dunha xira cancelada polo Xapón en 2013, o álbum tamén se inspirou na cidade. "Non ten nada de pastoral", dixo Albarn, "é moi urbano".[47] The Magic Whip tamén marca o regreso de Coxon,[46][47] ausente en todas as cancións de Think Tank agás nunha, e de Stephen Street, o produtor de Blur durante a era do britpop.[46]
The Magic Whip recibiu críticas positivas.[48] Outorgándolle ao álbum cinco estrelas, The Daily Telegraph cualificou The Magic Whip como "un regreso triunfal que mantén a identidade central da banda ao tempo que permite que as ideas que fermentaran por separado durante a última década infundan o seu son con novas combinacións de sabores maduras e peculiares".[49] A revista NME coincidiu, dicindo que Blur era "unha banda reunida que facía música para rivalizar co seu mellor traballo".[50] Tamén foi un éxito comercial, converténdose no sexto LP consecutivo de Blur dende Parklife (1994) en encabezar as listas británicas.[51] The Guardian tamén sinalou que, nalgúns momentos durante a súa primeira semana de lanzamento, The Magic Whip vendeu "máis que o resto do top 5 xuntos".[51] The Magic Whip tamén se converteu no álbum de Blur que chegou máis arriba nas listas de éxitos nos Estados Unidos, alcanzando o posto número 24 na Billboard 200.[52] Ese decembro estreouse en cines británicos seleccionados New World Towers, un documental sobre o proceso de gravación de The Magic Whip.[53][54]
Blur entrou en hiato despois da xira Magic Whip de 2015.[55] Reuníronse brevemente en marzo de 2019 para unha actuación sorpresa nun evento de Africa Express organizado por Albarn en Londres.[56]
The Ballad of Darren e segunda reunión
[editar | editar a fonte]O 14 de novembro de 2022 Blur anunciou que actuarían no estadio de Wembley o 8 de xullo de 2023, a súa primeira actuación como cabeza de cartel dende 2015.[57][58] O 10 de febreiro de 2023, en consonancia coa reunión, a banda colaborou coa marca de roupa PLEASURES para lanzar unha liña de artigos en conmemoración do seu álbum de 1997, Blur.[59]
O 18 de maio de 2023 Blur lanzou "The Narcissist", o primeiro sinxelo do seu noveno álbum de estudio, The Ballad of Darren.[60][61] Ao día seguinte, a banda tocou o seu primeiro concerto en oito anos, o 19 de maio de 2023 no Colchester Arts Centre de Colchester.[62] Despois dos concertos de quecemento, Blur actuou no Primavera Sound de Barcelona e no Castelo de Malahide, preto de Dublín.[63][64] Blur foi cabeza de cartel no estadio de Wembley o 8 e o 9 de xullo de 2023, con Jockstrap, Sleaford Mods e Self Esteem como abreconcertos no primeiro día, e The Selecter e Paul Weller no segundo.[65][66] The Ballad of Darren foi lanzado o 21 de xullo e foi precedido por un segundo sinxelo, "St. Charles Square".[67][68][69] Despois do lanzamento do álbum, a banda actuou no Lokerse Feesten en Bélxica o 8 de agosto, no Øyafestivalen en Oslo o 10 de agosto, no Way Out West en Gotemburgo o 11 de agosto, no Flow Festival en Helsinqui o 13 de agosto e no Summer Sonic Festival en Toquio e Osaca os días 19 e 20 de agosto.[70]
O 5 de decembro Albarn anunciou que Blur entraría noutro hiato, dicindo: “É hora de pechar esta campaña. É demasiado para min”.[71][72] Porén, a banda aceptou unha chamada telefónica nocturna ofrecéndolles tocar no Coachella de 2024, e a dirección deulles cinco minutos para decidir, o que levou a Albarn a pospoñer o hiato.[73] Blur realizou un concerto de quecemento con todas as entradas vendidas no Pomona Fox Theater, con Jockstrap como abreconcertos o día 10 de abril, sendo esta a primeira actuación do grupo nos Estados Unidos dende 2015.
A actuación da primeira semana de Coachella, o 13 de abril, xerou unha notable atención dos medios pola falta de interacción do público durante “Girls & Boys” e pola frustración visible de Albarn.[74] Durante a actuación da segunda semana de Coachella, o 20 de abril, Albarn dixo que probablemente sería o último concerto da banda.[75]
A comezos de maio de 2024 anunciouse que en xullo de 2024 se estrearía un novo documental titulado To the End, que trata da reunión da banda en 2020 r do seu álbum The Ballad of Darren.[76][77][78]
Membros
[editar | editar a fonte]- Damon Albarn: voz principal, teclados, guitarra (1988-2003, 2009-2015, 2023-presente)
- Alex James: baixo coros (1988-2003, 2009-2015, 2023-presente)
- Dave Rowntree: batería, percusión, coros (1988-2003, 2009-2015, 2023-presente)
- Graham Coxon: guitarra, coros e voces principais, saxofón (1988-2002, 2009-2015, 2023-presente)
Discografía
[editar | editar a fonte]| Álbum | Ano | Selo |
|---|---|---|
| Leisure | 1991 | Food Records |
| Modern Life Is Rubbish | 1993 | Food Records, SBK Records |
| Parklife | 1994 | Food, SBK |
| The Great Escape | 1995 | Food, Virgin Records |
| Blur | 1997 | Food |
| 13 | 1999 | Food, Parlophone |
| Think Tank | 2003 | Parlophone |
| The Magic Whip | 2015 | Parlophone, Warner Bros. |
| The Ballad of Darren | 2023 | Parlophone, Warner Bros. |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ben Hillier". www.soundonsound.com. Consultado o 2025-12-26.
- ↑ Earls, John (2023-01-12). "Blur star Graham Coxon opens up on his anxiety and alcohol hell". Express.co.uk (en inglés). Consultado o 2025-12-26.
- ↑ "Graham Coxon interview: ‘I was drinking a lot because it knocked off the anxiety’". The Independent (en inglés). 2021-08-29. Consultado o 2025-12-26.
- ↑ Reilly, Nick (2021-05-20). "Graham Coxon says he was destined to become an alcoholic: "It was ready and sitting there"". NME (en inglés). Consultado o 2025-12-26.
- ↑ "Graham Coxon Explains Blur Split / News Stories / Music News from THE FLY - The UK's Most Popular Music Magazine". The Fly (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de xuño de 2012. Consultado o 2025-12-26.
- ↑ "Blur To Rock For World Peace On Next Record". MTV. Arquivado dende o orixinal o 09 de febreiro de 2012. Consultado o 26 de decembro de 2025.
- ↑ "Blur tune heads for Mars" (en inglés). 2002-01-30. Consultado o 2025-12-26.
- ↑ "Beagle hopes hang on mothership" (en inglés). 2003-12-28. Consultado o 2025-12-26.
- ↑ "Think Tank - Blur". AllMusic (en inglés). Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "VH1.com : Blur - Rhapsody Music Downloads". www.vh1.com. Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "BLUR". Official Charts (en inglés). 1990-10-27. Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "Blur". Billboard (en inglés). Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "Brits 2004: The nominations" (en inglés). 2004-01-12. Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "Blur Name Ex-Verve Guitarist Simon Tong To Live Lineup". The FADER (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2015. Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "X-clusive: Damon Albarn – New Blur EP And Gigs - Xfm". www.xfm.co.uk (en inglés). Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Graham Coxon considers Blur reunion". www.nme.com (en inglés). Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Blur to return to the studio in August". Digital Spy (en inglés). 2007-04-28. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Blur WILL reunite next month says Alex James". www.nme.com. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Blur confirm massive outdoor show" (en inglés). 2008-12-09. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Blur confirm massive outdoor show" (en inglés). 2008-12-09. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Blur add second date at Hyde Park" (en inglés). 2008-12-12. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ Petridis, Alexis (2009-06-22). "Blur". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ Jonze, Tim (2009-06-29). "Blur at Glastonbury 2009". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ Michaels, Sean (2009-05-21). "Blur to release comeback compilation". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Blur - Midlife: A Beginner's Guide To Blur". www.musicomh.com (en inglés). Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Oxegen Price Freeze". Clash Magazine (en inglés). 2009-02-19. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Blur are back and they’re coming to Oxegen". Belfast Telegraph. Archived from the original on 14 de febreiro de 2009. Consultado o 31 de decembro de 2025.
- 1 2 3 Swash, Rosie (2009-07-13). "Blur overcome illness to play 'last' gig at T in the Park". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "BBC Music - T in the Park, 2009, Blur & Keane". BBC (en inglés). Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Albarn rules out more Blur gigs" (en inglés). 2009-07-25. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Graham Coxon: 'No more from Blur for now'". www.nme.com (en inglés). Consultado o 2025-12-31.
- ↑ Breihan, Tom (2010-01-15). "Blur Documentary Coming to DVD". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Royal Mail unveil classic album cover stamps". The Independent (en inglés). 2010-01-07. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Royal Mail puts classic albums on to stamps". The Guardian (en inglés). 2009-11-21. ISSN 0261-3077. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Listen to Blur's Record Store Day Single "Fool's Day" Now │ Exclaim!". Listen to Blur's Record Store Day Single "Fool's Day" Now │ Exclaim! (en inglés). Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Download New Blur – “Fool’s Day” – TwentyFourBit" (en inglés). 2010-04-17. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Blur". GRAMMY.com (en inglés). 2019-02-15. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ Topping, Alexandra (2012-02-22). "Brit awards: Adele takes away two awards on a triumphant return". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Blur's Damon & Graham play new song as they reunite live for War Child's 2012 Brit Award gig - News - QTheMusic.com". news.qthemusic.com. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ Minsker, Evan (2012-04-18). "Blur Announce Massive Retrospective Box Set". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "William Orbit: 'Damon Albarn halted new Blur recording sessions'". NME.COM (en inglés). Consultado o 2025-12-31.
- ↑ NME. "Blur announce the release of two brand new singles". NME.COM (en inglés). Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "London 2012: Blur to headline Olympics closing show". BBC News (en inglés). 2012-02-21. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Blur Confirmed for Primavera Sound 2013". Pitchfork (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2012. Consultado o 2025-12-31.
- ↑ "Coachella 2013: Blur, Phoenix and Red Hot Chili Peppers to headline". The Guardian (en inglés). 2013-01-25. ISSN 0261-3077. Consultado o 2025-12-31.
- 1 2 3 "The Magic Whip - Blur". AllMusic (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- 1 2 3 Gibsone, Harriet (2015-02-19). "Blur announce The Magic Whip, their first new album for 12 years". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2026-02-27.
- ↑ "The Magic Whip by Blur" (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- ↑ "Blur, The Magic Whip, album review: 'a triumphant comeback'". The Daily Telegraph. Consultado o 27 de febreiro de 2026.
- ↑ Beaumont, Mark (2015-04-13). "Blur - 'The Magic Whip'". NME (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- 1 2 "This is a high: Blur enter the album charts at No 1 with The Magic Whip". The Guardian (en inglés). 2015-05-04. ISSN 0261-3077. Consultado o 2026-02-27.
- ↑ "Blur". Billboard (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- ↑ Gordon, Jeremy (2015-10-19). "Blur Announce New World Towers Documentary". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- ↑ "Blur: New World Towers - Documentary Review". NME. Archived from the original on 10 de decembro de 2015. Consultado o 27 de febreiro de 2026.
- ↑ Murray, Robin (2018-07-16). "Blur's Alex James Isn't A Fan Of Re-Unions". Clash Magazine Music News, Reviews & Interviews (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- ↑ Blais-Billie, Braudie (2019-03-30). "Blur Play Surprise Show in London: Watch". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- ↑ "Blur announce 2023 London reunion show". The FADER (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- ↑ Trendell, Andrew (2022-11-14). "Blur announce 2023 Wembley Stadium reunion gig". NME (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- ↑ Alessandro. "How PLEASURES and Blur teamed up for a very Britpop-themed collection". Alternative Press Magazine (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- ↑ Petridis, Alexis (2023-05-18). "Blur: The Narcissist review – a band finally at ease with themselves". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2026-02-27.
- ↑ Minsker, Evan (2023-05-18). "Blur Announce New Album The Ballad of Darren, Share New Song “The Narcissist”". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- ↑ Fragassi, Selena (2023-05-20). "Blur Plays First Show In Eight Years, Debuts Two New Songs". SPIN (en inglés). Consultado o 2026-02-27.
- ↑ Walshe, John. "Phil Daniels joins Blur on stage for some Dublin Park Life". Hotpress. Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2023. Consultado o 2026-03-21.
- ↑ Torres, Eric (2023-06-05). "The Best of Primavera Sound 2023: Blur, Kendrick, Rosalía, and More". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2026-03-21.
- ↑ Aubrey, Elizabeth (2023-07-05). "Here are the stage times and support acts for Blur at Wembley Stadium". NME (en inglés). Consultado o 2026-03-21.
- ↑ Singh, Surej (2023-07-09). "Here's what Blur performed at Wembley". NME (en inglés). Consultado o 2026-03-21.
- ↑ "Blur’s new song “St. Charles Square” is the sound of a spiral". The FADER (en inglés). Consultado o 2026-03-21.
- ↑ Dunworth, Liberty (2023-06-29). "Blur share new single ‘St. Charles Square’ ahead of Wembley Stadium shows". NME (en inglés). Consultado o 2026-03-21.
- ↑ Monroe, Jazz (2023-06-29). "Watch Blur’s Video for New Song “St. Charles Square”". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2026-03-21.
- ↑ Pearis, Bill. "Blur share very Blur-y "St. Charles Square" off forthcoming album". BrooklynVegan (en inglés). Consultado o 2026-03-21.
- ↑ Pearis, Bill. "Damon Albarn says Blur are going back on hiatus: "It’s too much for me"". BrooklynVegan (en inglés). Consultado o 2026-03-26.
- ↑ Duran, Anagricel (2023-12-05). "Damon Albarn says it's time to "wrap up" Blur again: "It's too much for me"". NME (en inglés). Consultado o 2026-03-26.
- ↑ Duran, Anagricel (2024-04-15). "Blur's Damon Albarn on the Coachella audience: "They're sort of on their own planet"". NME (en inglés). Consultado o 2026-03-26.
- ↑ "Blur frontman Damon Albarn kicks off at lacklustre Coachella crowd". The Independent (en inglés). 2024-04-16. Consultado o 2026-03-26.
- ↑ Vito, Jo (2024-04-21). "Damon Albarn: Blur’s Coachella set “is probably our last gig”". Consequence (en inglés). Consultado o 2026-03-26.
- ↑ Richards, Will (2024-05-07). "Blur announce new feature-length documentary film, ‘To The End’". Rolling Stone UK (en inglés). Consultado o 2026-03-26.
- ↑ "Blur Detail Latest Reunion in 'To the End' Documentary │ Exclaim!". Blur Detail Latest Reunion in 'To the End' Documentary │ Exclaim! (en inglés). Consultado o 2026-03-26.
- ↑ Dunworth, Liberty (2024-05-07). "Blur announce new documentary on latest reunion 'To The End' – watch the trailer". NME (en inglés). Consultado o 2026-03-26.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial da banda (en inglés)
- Páxina en español de Blur