O concello de Muxía ten un importante patrimonio cultural no que podemos sinalar como predominante o patrimonio relixioso de época románica coas igrexas de San Cristovo de Nemiña, San Xiao de Moraime, Santa Leocadia de Frixe, Santa María de Morquintán, Santa María (esta última de estilo románico de transición) e San Martiño de Ozón (posteriormente transformada) entre outras. Ademais o concello tamén ten dous mosteiros, o mosteiro de Moraime e o mosteiro de Santa María de Ozón.
Mais de entre todos os edificios relixiosos muxiáns o máis coñecido é o santuario da Virxe da Barca por ser punto de peregrinación desde o século XI ou XII, peregrinación que co paso do tempo deu lugar á actual Romaría da Barca que combina celebracións relixiosas e pagás na vila durante os mesmos días.
Nosa Señora da Barca,/ Nosa Señora, valeime,/ que estou no medio do mar,/ non hai barqueiro que reme[1].
Nosa Señora da Barca/ ten uns zapatiños brancos,/ as mozas de Camariñas/ vanllos ver os días santos[2].
Santo Cristo de Fisterra,/ Santo da barba dourada,/ axúdame a remontar/ a laxe de Touriñana[2][3].
Santo Cristo de Fisterra,/ Santo da barba dourada,/ veño de tan lonxe terra,/ Santo, por che ver a cara./ Veño da Virxe da Barca,/ veño de abalar a pedra./ Tamén veño de vos ver,/ Santo Cristo de Fisterra[4].
Veño da Virxe da Barca, veño da abalar a pedra./ Tamén veño de vos ver/ Santo Cristo de Fisterra[5].
↑Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 14.
12Fermín Bouza Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 183.
↑Refírese á punta do cabo Touriñán, situado na parroquia do mesmo nome, no oeste do concello de Muxía. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 13. No texto: da Touriñana.
↑Copla une a devoción ao Cristo de Fisterra e á Virxe da Barca. Fraguas, 1989.
↑Gran Enciclopedia Galega, s. v. Abalar, Pedra de.