Partidazo

Image

Despois dunha mañá horrible que prevía unha tarde igual, semella que se xuntaron os santos todos e deixaron unha tarde agradable con sol abondo e temperaturas suaves. Así puidemos celebrar o aniversario de Xela na praia de Patos. Foron case todos facendo paddle surf dende a praia ata a punta de Monteferro e a Xela pinchoulle un ourizo na deda gorda pero non foi nada grave. Cando viñeron de volta uns bañáronse e puxéronse a darlle couces a un balón e outros merendaron. Logo xogaron ao Uno Despiadado e logo xa empezaron co partidazo de brilé que durou bastante e coincidiu cun partido que televisaban nos chiringos do arredor. Despois déronlle un álbum feito con fotos e cartas de todos para Xela e estaba mui logrado.

Cando xa pasaban das nove e media tocou volver cada moucho para o seu souto.

Pois iso: unha festa distinta.

E hoxe tocou gastar parte dos cartos de agasallo no veterinario que a cadela pisou algo e tiña unha dor na papuza que coxeaba. A veterinaria foi cara pero polo menos o problema foi pequeno.

Coma caghallóns río abaixo

Image

Venres estivemos separados coma caghallóns río abaixo. Xela coas amigas en praia América, Leo cos amigos en Samil e nós en Vlrñ. Ía muita calor e corría un aire quente e seco que viña do nordés, que é rarísimo. Estivemos muito tempo na auga coma hipopótamos; asomando só a cabeza. Tomamos algo na de Bruno pero xa non ten a cervexa Sálvora de Nós.

Domingo xa fomos cos avós de Arbo ata Sardiñeiro a xantar na pizzería. Despois fomos ao faro de Fisterra pero era un día de lume que non corría chisca de aire. Logo fomos a Ézaro e quedamos no chiringo da praia á sombra. Aínda nos bañamos Naideleo, avóM e mais eu que a avoaM non se bañaba nin por todos os cartos do mundo. Aparcamos nunha zona de area pero outros dous arriscaron máis e tivo que vir o guindastre para turrar por eles.

Despois marchamos que quedaba muita viaxe coa parada na Pausa.

E agora xa non vai tanta calor. Por fin se pode andar e durmir.

Calores de xuño

Image

Estamos pasando días abafantes. Domingo fomos con avóM e avoaM á Toxa, á Lanzada e a Pontevedra despois de xantarmos. Na Toxa ( aparte dese cartaz cunha barbatesa luso falante ) miramos a capela de San Caralampio, a famosa capela cuberta de cunchas de vieira para evitar a humidade. Pero avoaM non lembraba esa capela nin a praia de Areas Gordas onde ían hai un feixe de anos coas fillas no Seat Panda despois de pechar o bar. Levaban o cocido, chegaban alí e dábanse un baño antes de xantar. O que si lembraba era un día que lle caíron as gafas na auga e pasou medo por se a levaba unha onda cando tentaba recupelas.

Despois paramos en Pontevedra a tomar algo, a mirar a Peregrina e, de casualidade, estaba a feira de Banda Deseñada e merquei o último cómic de Paco Roca ‘El viaje’ onde o protagonista debate sobre a súa separación e os porqués.

Décimo quinto ano (e mais un día)

Image

E a xoubiña chegou aos seus quince anos. Sacou unhas notas impresionantes e ten muita curiosidade. Encántalle a música e agora quere aprender a tocar a batería. Non lle chega co piano, guitarra e violín. Vai ser a muller orquestra!

A véspera do san Xoán estiven buscando plantas para o cacho de san Xoán e tiven que coller o coche para topar herba de san Xoán que coa seca case non queda. Botei hortelán, loureiro, flor de codeso, funcho, herba de san Xoán, malva, milfollas e margarita brava (agora decátome que botei un número par) e lavei a cara e parte do corpo e reguei o aguacate, o mandarineiro e o arando. Non topei a flor do fento que só sae esta noite e que che dá poderes especiais coma entender a fala dos animais. Supoño que quedará para outra ocasión.

Aniversario na Baxiña

Image

Este domingo pasado foi o aniversario da avoaM e fomos xantar a unha tapería que descoñeciamos e tamén coñecemos a Nerea, a moza do curmán David. A Baxiña é un sitio de recunchos feito a trompicóns e cheo de detalles curiosos. Comemos ben e rápido e non foi caro. Tardaronun pouco coa sobremesa pero é que estaba cheo.A avoaM recibiu agasallos e, como ao pouco xa os esquecía; pois volvía celebralo coma a primeira vez.

E agora estou á espera de que baixemos a mirar a fogueira de San Xoán. Leo vai a Panxón e Xela supoño que baixará con nós que así a felicitamos nada máis entrar no 24 que é o seu aniversario. E van quince anos!

Pasa xuño voando

Image

Case non escribo nada. Esta quincena estiven de mañá. Como agora non deixan pan que se xubilou o repartidor pois teño que mercalo ás seis da mañá. Logo vou aoc choio e paso pola corredora, o veciño que volve en bici e o camión de lixo. Traballo ata as tres, dúchome e volvo a casa. Xanto e boto unha soneca despois de mirar o tempo. Logo rego e paseo a cadela e fago os recados que teño que facer ata a hora da cea que preparo para os rapaces. Logo un chisco de tele e a ler para cama que estou rematando ‘Asasinato no muiño do cura’ de Arantza Portabales. E así máis ou menos todos os días.

Pero houbo días nos que actuou Xela, logo un recoñecemento médico na empresa ao que por suposto non podo acceder e será o último que faga porque para que o fagan mal e a correr pois paso.

E onte fun co compañeiro do choio a Solfami que estaba cheo de músicos que hoxe actuaban no Folla de Olivar. Púxenme a gravar e botáronme unha pixallada pero é que o ambiente é especial e único.

De imaxe poño algo onde non se mira a ninguén.

Cans 2026

Image

O meu Cans comezou o venres coa actuación de ‘Alana’, un grupo que funde tradición con son electrónico e fixérono bastante ben aínda que o cantante ía a destempo con Antía, a cantareira. Logo marchei que tiña que traballar de noite. Na foto sai Xoán Fórneas que fixo de Castelao en ‘Antes de Nós’.

Image

O sábado xa apareceu Dani do choio e botamos alí ata que rematou a actuación de ‘De Ninghures’ pero á tarde miramos a actuación de ‘Arizona Baby’, unha banda pucelana de rock en inglés e con barbas grandes.

Logo estivemos dando voltas e coñecemos a Pepe de Teis e Antonia e coincidimos varias veces e aínda botamos unhas risas. Tamén coñecemos un senegalés que vendía pulseiras e ao final mercámoslle algo sen regatear, como ten que ser.

Ás nove da tardiña actuaron ‘The Homems’ , un grupo de pop en galego pero que tiña mui mal son e fuximos de alí.

Image

Demos máis voltas e comemos uns bocatas bastante ruíns na de Fortes e así chegou o momento da actuación de ‘De Ninghures’ que foi a banda que nos gustou máis con música potente e boa cantante. Tamén saudei a Ana Pontón e o Caroca saudoume a min que viña para a entrega de premios e repartir apertas e golpiños nas costas.

Image

Nada, que foi un Cans memorable e que rematou cando volvemos camiñando e arrulaba o trono para ameazarnos. Cando entrei na casa comezaba a chover.

DLG 2026

Image

Este ano está adicado a Begoña Caamaño, unha viguesa concienciada coa lingua e co feminismo que escribiu dúas obras de narrativa e que morreu nova dun cancro.

Eu fun o outro día á feira do libro que tiña algún posto máis pero faltaba o da libraría Pedreira. Merquei dúas novelas gráficas: unha de Paco Roca e outra de Davoneau e tamén merquei unha novela de Arantza Portabales.

E hoxe había primeiras comuñóns e o bautizo da irmá de Llechat e mirei unha novia que ía nun 850 ao restaurante.

E hoxe vou incluir a palabra ‘asente’ que escuitei a un compañeiro de Tomiño e que xa coñecía polo tíoNan de Tui. A frase ‘Ese home non é moi asente’ quere dicir que non ten sentido común, non ten cabeciña.

E mais nada, feliz día das Letras.

Os Pirús e Monçao

Image

O día da nai fomos xantar a Os Pirús, un restaurante en Arbo que non me convencía muito despois da comida para celebrar o 90 aniversario da bisavoa Celia. Pero non, todo foi ben. Atenderon ben e rápido e a comida estaba toda boa: chocos, bacallao, churrasco e sobremesa. Confundiron a miña segunda cervexa e cobraron trabucados con outra mesa pero foi arranxado no momento sen problema.

Despois fomos pasear por Monçao que os avós de Arbo non o coñecían ben. Fomos polo paseo cos bancos con personaxes de Monçao e unha pasarela de madeira para entrar pola muralla habitada de anduriñas. Tomamos café barato e bo e tocou volver.

Quedaron todas as nais contentas.

Diseña un sitio como este con WordPress.com
Comenzar