Dinosaur Jr.
| Dinosaur Jr. | |||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| |||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||
Dinosaur Jr. é unha banda estadounidense de rock alternativo formada en Amherst, Massachusetts no ano 1985. O seu son, tipicamente melódico, caracterízase tamén por guitarras saturadas con ruído e distorsión, e frecuentemente salpicado polos solos do seu líder e guitarrista J Mascis; e foi moi influente no movemento do rock alternativo doas anos 90.
A banda separouse en 1997 e volveríase a reunir no ano 2005. O guitarrista J Mascis, o baixista Lou Barlow e o batería Murph foron os seus fundadores e son os actuais membros, aínda que Mascis é o único que estivo en toda a súa traxectoria.
Historia
[editar | editar a fonte]Formación
[editar | editar a fonte]Mascis e Barlow tocaban xuntos, na batería e na guitarra respectivamente, na banda de hardcore punk Deep Wound, formada en 1982 mentres asistían ao instituto no oeste de Massachusetts.[1] Despois do instituto comezaron a explorar música máis lenta pero aínda agresiva, como a de Black Sabbath, The Replacements e Neil Young. O amigo da universidade de Mascis Gerard Cosloy ensinoulle bandas de pop con influencias psicodélicas como Dream Syndicate, que Mascis á súa vez amosou a Barlow. Barlow explicou, "Amábamos o speed metal... e encantábannos as cousas parvas".[2]
Deep Wound separouse a mediados de 1984. Cosloy deixara os estudos na Universidade de Massachusetts en Amherst para centrarse en dirixir o seu selo discográfico independente, Homestead Records. Prometéulle a Mascis que, se facía un disco, Homestead o publicaría. Mascis escribiu varias cancións el mesmo e mostroullas a Barlow, a quen lle ofreceu o posto de baixista. Mascis recrutou ao vocalista Charlie Nakajima, tamén anteriormente en Deep Wound, e ao batería Emmett Patrick Murphy (tamén coñecido como Murph) para completar a banda. Mascis explicou o concepto detrás do grupo como “country que fai sangrar os oídos”.[3]
Inicialmente, a banda chamábase Mogo e deron o seu primeiro concerto no campus da Universidade de Massachusetts en Amherst na primeira semana de setembro de 1984. Porén, Nakajima aproveitou a actuación para lanzar unha longa diatriba antipolicial. Mascis quedou tan horrorizado polo comportamento de Nakajima no concerto que disolveu o grupo ao día seguinte. Uns días despois, Mascis convidou a Barlow e Murph a formar unha nova banda sen dicirllo a Nakajima. "Era demasiado covarde para botalo fóra, exactamente", admitiu Mascis máis tarde. "A comunicación coa xente foi un problema constante na banda". O trío chamouse a si mesmo Dinosaur, e Mascis e Barlow asumiron as tarefas de voz principal.[4]
Dinosaur
[editar | editar a fonte]Dinosaur comezou a tocar en concertos por todo Amherst. As súas actuacións en directo, extremadamente ruidosas, a miúdo afastaban parte do público e enfadaban os donos dos locais.[5] O grupo axiña se viu vetado en todos os locais da cidade agás un, por tocar demasiado alto.[5] Isto obrigounos a facer concertos fóra de Amherst con moita frecuencia, e actuacións temperás en locais como o CBGB de Nova York ou The Channel en Boston déronlles un impulso moi necesario.[5] Un concerto abrindo para Big Black en Maxwell’s, en Hoboken, levou a que a banda coñecese a Sonic Youth.[5]
Mascis aceptou a oferta de Cosloy para publicar un álbum en Homestead, e Dinosaur gravou o seu disco de estrea por 500 dólares nun estudio caseiro situado no bosque, nos arredores de Northampton, Massachusetts.[6] O seu álbum debut, Dinosaur, saíu en 1985, e todas as cancións foron escritas por Mascis. As voces tamén foron feitas por el, co seu característico ton nasal e arrastrado, que a miúdo era comparado co do cantante Neil Young.[7] Mascis acabaría cantando a maior parte das voces principais en todos os lanzamentos posteriores da banda. O álbum non tivo un grande impacto nin comercial nin crítico. Vendeu só arredor de 1 500 copias no seu primeiro ano e foi amplamente ignorado pola maioría da prensa musical.[7]
O disco e os concertos arrasadores de Dinosaur comezaron a chamar a atención, e a banda vía como o seu público aumentaba constantemente. A finais de 1986, unha banda hippy chamada Dinosaur (que incluía membros de Jefferson Airplane) procesou á banda, que acabou mudando o nome para Dinosaur Jr.
En 1987, Dinosaur Jr. asinou un contrato coa influente discográfica independente SST e lanzou o álbum You're Living All Over Me, que foi toda unha sensación no underground. A principios de 1988, lanzaron o influente sinxelo "Freak Scene", unha canción que capturaba e reflectía o espírito do underground estadounidense post-punk da época. "Freak Scene" converteuse nun hit nas college radios, o que abriu o camiño para un novo e aclamado álbum, Bug, lanzado aínda en 1988. A pesar de que a popularidade de Dinosaur Jr. continuaba en aumento, comezaron a xurdir tensións entre os seus integrantes, principalmente entre Mascis e Barlow, que apenas se falaban. En 1989, Mascis díxolle a Barlow que Dinosaur Jr. acabara; pero ao día seguinte el "reformou" a banda, desta vez sen Barlow, que acabou formando a banda Sebadoh, e xerando unha rivalidade de anos entre os dous.
Marcha de Barlow
[editar | editar a fonte]Sen Barlow, Dinosaur Jr. tivo varios baixistas temporais, inclusive Van Conner de Screaming Trees, que entrou na banda invitado por Mascis para tocar nalgúns concertos. En 1989 o grupo tivo outro hit coa versión "Just Like Heaven" de The Cure, e no ano seguinte asinaron coa Sire Records (unha subsidiaria da Warner). Despois de "Just Like Heaven", Mascis seguiu un tempo como produtor, traballando nun álbum de Buffalo Tom e colaborando con amigos como Don Fleming (no proxecto Velvet Monkeys) e integrantes de Sonic Youth, antes de gravar o seguinte disco de Dinosaur Jr., Green Mind, o primeiro disco da banda para unha grande discográfica, que foi lanzado en 1991 e foi gravado case totalmente por Mascis que tocou todos os instrumentos (coa excepción da batería a cargo de Murph). O estilo variado e ecléctico do disco foi recibido con frialdade pola crítica e polos circuítos alternativos. Antes da xira de Green Mind, Mike Johnson converteuse no baixista da banda. Na xira, a banda abreconcertos foi Nirvana, que co éxito de Nevermind enseguida eclipsou a Dinosaur Jr. na xira.
Era o momento do estoupido do rock alternativo, pero en vez de aproveitarse dese feito en busca do éxito, Dinosaur Jr. lanzou un EP, Whatever's Cool With Me, a principios de 1992 e desapareceu para gravar o seu seguinte álbum.
Where You Been foi lanzado en 1993, e foi beneficiado polo boom da música alternativa e acabou converténdose no primeiro disco de Dinosaur Jr. en aparecer na lista da Billboard, chegando ao número 50, con vendas un pouco inferiores a 500.000 copias. "Start Choppin'", o principal sinxelo do álbum foi un hit moderado nas listas de rock nos Estados Unidos. Na época do lanzamento de Where You Been todas as publicacións e artigos de prensa referíanse a J Mascis como un dos principais nomes do rock alternativo e foi un momento de grande prestixio na carreira de Dinosaur Jr.
Aínda en 1993, a banda participou na terceira edición do festival Lollapalooza. Durante o festival, ocorreron novos conflitos internos, desta vez envolvendo a Mascis e ao batería Murph. Durante as gravacións do seguinte disco Without a Sound, Mascis tocou todas as partes de batería. Máis tarde, pouco antes do disco estar listo, Mascis despediu a Murph da banda e este acabou ingresando en The Lemonheads).
Dinosaur Jr. lanzou o disco Without a Sound en 1994, que repetiu o éxito do seu predecesor grazas ao hit "Feel The Pain" (que tiña un videoclip bastante innovador, dirixido por Spike Jonze, e que amosaba a Mascis xogando ao golf polas rúas de Nova York).
Porén a crítica estivo bastante dividida co álbum, con algúns críticos argumentando que Dinosaur Jr. xa non estaba en boa forma. A principios de 1995, Mascis comezou unha xira acústica só, e un deses concertos acabou sendo o seu primeiro rexistro en solitario, Martin & Me, lanzado en 1996.
Despois de contribuír con algúns temas (inspiradas no estilo de Brian Wilson dos Beach Boys) para a banda sonora da película Grace of My Heart en 1996, Mascis comezou a traballar só no seguinte álbum de Dinosaur Jr., sen a presenza do baixista Mike Johnson, que seguiu a súa carreira en solitario (á parte das súas participacións nos álbums de Mark Lanegan). Dinosaur Jr. e o seu único integrante lanzou o disco Hand It Over en 1997, que foi considerado o mellor traballo de Mascis dos últimos anos. Porén o disco non tiña ningún hit e acabou sendo ignorado polo grande público. Pouco tempo despois, Mascis anunciou o fin de Dinosaur Jr.
Mascis volveu á actividade no ano 2000 co seu segundo traballo en solitario, acompañado dunha banda bautizada como The Fogs, que consistía en Kevin Shields (My Bloody Valentine) e Bob Pollard (Guided by Voices). O disco chamouse More Light, foi lanzado polo selo independente Ultimato, e a súa sonoridade era semellante ao do último disco de Dinosaur Jr. J Mascis e The Fog fixeron unha xira por Estados Unidos, no que estiveron acompañados polo baixista Mike Watt.
Reunión
[editar | editar a fonte]
En 2004 Mascis conseguiu os dereitos dos tres primeiros álbums de Dinosaur Jr. que tiña a discográfica SST, e acordou a súa reedición a través do selo Merge Records a principios do 2005. Posteriormente, nese mesmo ano, Mascis e Barlow compartiron escenario nun concerto solidario en apoio ao autismo organizado pola nai de Barlow en Northampton, Massachusetts, tocando como Deep Wound despois de que Mascis e Sebadoh rematasen os seus concertos.[8]
As reedicións coincidiron co anuncio de que a formación orixinal (Mascis, Barlow e Murph) reuniríase para unha xira. A banda estivo de xira ata o 2006.
No ano 2007 os membros orixinais de Dinosaur Jr. editaron Beyond a través do selo Fat Possum Records, o seu primeiro álbum con material novo coma trío dende o Bug, de 1988. Recibiu a aclamación da crítica, cunha cualificación de 8,4 por parte de Pitchfork Media[9] e críticas positivas da prensa musical en xeral. Considerouse unha especie de paradoxo sonoro, xa que, aínda que contaba cos membros orixinais, que produciron "dous discos tan cheos de ruído que aínda soan como asaltos sonoros décadas despois do seu lanzamento orixinal", sonicamente parecíase aos lanzamentos de grandes selos da década de 1990, tanto en valores de produción como en rango estilístico.[10] Por outra banda, aínda que o son non era tan extremo como o dos álbums orixinais dos anos 80 da formación, si presentaba unha sensación máis grande, máis desenfreada e máis propia dun directo que a dos seus álbums dos anos 90, aínda que o baixo de Barlow era notablemente máis suave. Barlow deixou a súa pegada na música doutros xeitos; por primeira vez dende You're Living All Over Me, contribuíu na composición das cancións.
No mes de febreiro do 2009 a banda asinou un contrato co selo independente Jagjaguwar.[11] A súa primeira edición coa nova discográfica titulouse Farm e apareceu o 23 de xuño dese ano.[12] Murph dixo que o álbum foi gravado na casa de Mascis e que marcou unha volta á era máis pesada de Where You Been. O álbum alcanzou o número 29 na lista Billboard 200, converténdose no álbum da banda con maior éxito nas listas dos Estados Unidos.[13] Para promover o álbum a banda tocou o tema principal de Farm, "Pieces", no programa Late Night with Jimmy Fallon o 25 de xuño de 2009.[14]

Dinosaur Jr. lanzou o seu segundo álbum para Jagjaguwar, I Bet on Sky, en setembro de 2012, con críticas favorables.[15]
En decembro de 2015 Murph confirmou que a banda entrara no estudio para comezar a traballar na súa continuación a I Bet on Sky.[16] O álbum Give a Glimpse of What Yer Not foi lanzado o 5 de agosto de 2016 a través do selo Jagjaguwar.[17]
En febreiro de 2019 a canción "Over Your Shoulder", do álbum de 1994 da banda Without a Sound, alcanzou o posto número 18 nas listas xaponesas da Billboard. Sospéitase que a causa é o uso da canción no programa de televisión xaponés chamado Gachinko Fight Club.[18]
En febreiro de 2021 a banda anunciou o seu décimo segundo álbum, Sweep It Into Space, que se lanzou o 23 de abril de 2021.[19] Orixinalmente estaba previsto que o álbum fose lanzado a mediados de 2020, pero atrasouse debido á pandemia da COVID-19.[20] O álbum foi precedido polo sinxelo "I Ran Away" o 23 de febreiro de 2021, e o vídeo musical da canción lanzouse o 3 de marzo de 2021. O segundo sinxelo, "Garden", lanzouse cun vídeo musical o 31 de marzo de 2021. A banda anunciou que unha xira por América do Norte en 2021 para promover o álbum estaba prevista para comezar en setembro de 2021 e concluiría en febreiro de 2022.[21] En 2024, a banda, xunto con The Flaming Lips, actuou como abreconcertos de Weezer durante a súa xira de concertos Voyage to the Blue Planet.[22]
En febreiro de 2025 Dinosaur Jr. anunciou unha xira de 18 datas polos Eestados Unidos entre xullo e agosto dese ano acompañados de Snail Mail.[23]
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums
[editar | editar a fonte]Recompilatorios
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Dinosaur Jr.: Rediscovering the Gnarl". Spin. 2012-10-04. Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2021. Consultado o 2019-11-30.
- ↑ Azerrad (2001), p. 350
- ↑ Azerrad (2001), p. 351
- ↑ Azerrad (2001), p. 352
- 1 2 3 4 "Dinosaur Jr. Oral History Excerpt: Band Talks 'Country Punk,' Sonic Youth Tour". SPIN (en inglés). 2014-04-15. Consultado o 2026-03-28.
- ↑ Azerrad (2001), p. 353
- 1 2 Azerrad (2001), p. 354
- ↑ Anderman, Joan (2005-07-15). "Dinosaur Jr. is happy to be no longer extinct". Boston.com. Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2019. Consultado o 2019-05-10.
- ↑ Pitchfork. "Dinosaur Jr.: Beyond". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "Beyond - Dinosaur Jr.". AllMusic (en inglés). Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "Dinosaur Jr. Sign to Jagjaguwar • News • exclaim.ca". archive.ph. 2012-07-09. Archived from the original on 09 de xullo de 2012. Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "Pitchfork: New Dinosaur Jr. LP Details Announced". pitchfork.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2010. Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "Dinosaur Jr.". Billboard (en inglés). Consultado o 2025-12-27.
- ↑ "The Tonight Show Starring Jimmy Fallon - NBC.com". NBC (en inglés). Consultado o 2026-02-26.
- ↑ "I Bet on Sky by Dinosaur Jr." (en inglés). Consultado o 2026-02-26.
- ↑ Ebeling, Amy (2015-12-02). "An Interview with Dinosaur Jr.: Stressing The Small Stuff". The Aquarian (en inglés). Consultado o 2026-02-26.
- ↑ Minsker, Evan (2016-05-24). "Dinosaur Jr. Announce New Album Give a Glimpse of What Yer Not, Tour". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2026-02-26.
- ↑ Yoo, Noah (2019-02-08). "A 25-Year-Old Dinosaur Jr. Song Is a Hit in Japan. Nobody Knows Why.". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2026-02-26.
- ↑ "Sweep It Into Space, by Dinosaur Jr.". Dinosaur Jr. (en inglés). Consultado o 2026-02-28.
- ↑ Jenke, Tyler (2021-04-22). "Dinosaur Jr. on The Long-Awaited Arrival of 'Sweep It Into Space'". Rolling Stone Australia (en inglés). Consultado o 2026-02-28.
- ↑ "Dinosaur Jr. Announce Fall North American Tour". pastemagazine.com (en inglés). 2021-03-11. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2021. Consultado o 2026-02-28.
- ↑ DeVille, Chris (2024-03-11). "Weezer Announce Blue Album 30th Anniversary Tour With The Flaming Lips & Dinosaur Jr". stereogum.com (en inglés). Consultado o 2026-02-28.
- ↑ Bloom, Madison (2025-02-11). "Snail Mail and Dinosaur Jr. Announce Summer 2025 Tour". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2026-02-28.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Azerrad, Michael (2001). "Our Band Could Be Your Life: Scenes from the American Indie Underground, 1981–1991". Little Brown and Company. ISBN 0-316-78753-1. Falta a
|url=(Axuda)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Commons ten máis contidos multimedia sobre: Dinosaur Jr. |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial da banda (en inglés)
- Páxina sobre o rock dos 90 (en portugués)